Piden máis mantemento, limpeza e investimentos para os portos de Ribeira

Portos
Suso Souto
Vallas deterioradas no porto de Ribeira. Foto: BNG

RIBEIRA. O BNG de Ribeira rexistrou unha iniciativa para demandar maior mantemento, seguridade, limpeza e investimentos nos portos do municipio. Ao longo dos últimos anos foron diversas as iniciativas presentadas polo Bloque para demandarlle a Portos de Galicia actuacións nos peiraos ribeirenses. “Calquera persoa que dea unha volta polas instalacións e terreos portuarios do municipio, sexa por Corrubedo, Castiñeiras, Palmeira, Aguiño ou Ribeira, atopará farois apagados, escaleiras de acceso ás embarcacións rotas, varandas de protección enferruxadas ou unha cantidade considerable de lixo que moitas veces acaba no mar”, asegura o portavoz do BNG, Luís Pérez. “Portos debe manter en boas condicións as instalacións portuarias, por ser unha zona de traballo para os mariñeiros e por ser zonas de uso público”, engade. s. s.