Piñeiro di que o Concello ten xa débeda cero a provedores

Política municipal
Suso Souto
Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra. Foto: Suso Souto

A Pobra. Estamos xa en época preelectoral con vistas ás municipais do 28 de maio, un período no que as diferentes formacións políticas empezan a subir o tono ó facer balance de xestión e no que o estado das arcas públicas adoita converterse en espada de Damocles. E, mentres algúns alcaldes teñen que escoitar estes días acusacións de acumular facturas impagadas nos caixóns, outros poden sacar peito. É o caso do rexedor da Pobra, Lois Piñeiro, quen afirma que a día catro de xaneiro estaban pagadas xa todas as facturas do ano 2022.

“Houbo anos neste Concello que dende setembro xa non se podía pagar nada porque os orzamentos estaban esgotados, e logo viñan os grandes remanentes negativos e os recoñecementos extraxudiciais de crédito. É dicir: déficit nas contas e a necesidade de aprobar partidas extraordinarias nun ano para pagar facturas do anterior”, explica o mandatario.

“Iso foi algo que tivemos que facer en 2016: case 300.000 € nos deixaron en herdanza. Nunca se pechou tan pronto unha anualidade con todo pagado xa na primeira semana de xaneiro. Tranquilidade para o goberno e para provedoras e autónomas contratadas, a maioría da Pobra”, engade. s. s.