Poesía e teatro para honrar a Rosalía este mércores 23 en Barbanza

Culturactiva porá en escena unha obra para alumnos de Primaria no auditorio ribeirense
Día de Rosalía
Suso Souto
Actrices da compañía Culturactiva nunha representación da obra ‘Rosalía’. Foto: Culturactiva

Ribeira. O vindeiro mércores día 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro cadrando coa data do seu nacemento en 1837. Con tal motivo, o Concello de Ribeira vai celebrar un ano máis esta efeméride cunha dobre proposta organizada a través do Servizo Municipal de Dinamización Lingüística e da concellería de Educación.

Por unha banda, nenos e nenas de quinto de Primaria asistirán pola mañá no auditorio municipal á representación da obra Rosalía, de Culturactiva, baixo a dirección de Fina Calleja. As actrices Rocío González e Cristina Collazo daranlle vida a unha Rosalía coas súas ilusións, os cambios que na vida trae facerse maior, a rebeldía, a curiosidade... Unha nena que será a nosa maior escritora.

E pola tarde, a partir das 20.00 horas, será toda a cidadanía quen participe na lectura pública dos versos da autora. Para participar só é preciso achegarse á praza consistorial e poñerase un micrófono ao seu dispor.

Acompañando a lectura estará o gaiteiro Alberto Millán, quen comezará a súa actuación coa Alborada de Rosalía e seguirá coas pezas de gaita máis representativas da nosa música tradicional.

E no concello de Rianxo, tamén o mércores 23, a partir das seis da tarde, terá lugar na Praza de Padrón, no Paseo da Ribeira, diante do busto en homenaxe a Rosalía de Castro, un acto de lembranza á ilustre poeta. Realizarase un recital poético aberto á veciñanza, ás entidades asociativas e ao alumnado dos centros educativos. s. souto