Política Social investirá catrocentos mil euros en melloras na residencia da Pobra

Residencias de maiores
Suso Souto
Pola esquerda, o portavoz do PP da Pobra, Manuel Durán; a edil de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo; o alcalde, Lois Piñeiro; o director da residencia da Pobra, Antón Brey; a conselleira de Política Social, Fabiola García; a xefa territorial da Consellería, María Blanco; e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González. Foto: Suso Souto

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou este xoves durante unha visita á residencia de maiores da Pobra do Caramiñal que nas vindeiras semanas comezará “a reforma máis ambiciosa da última década” no centro. A Xunta de Galicia, apuntou, destinará máis de 400.000 euros ás obras de acondicionamento destas instalacións, que saen hoxe mesmo a licitación para que poidan dar inicio o antes posible.

Fabiola García asegurou que o obxectivo principal dos traballos que se acometerán neste centro residencial de titularidade autonómica é mellorar a calidade de vida das persoas maiores usuarias do centro. Para iso, entre outros aspectos, procederase á colocación de placas na fachada para permitir un mellor illamento, reformarase a cuberta principal e substituiranse algunhas das portas do interior.

A conselleira puxo en valor “o esforzo e a xenerosidade dos maiores ante uns meses tan duros”, polo que unha vez que o 95 % dos usuarios de residencias xa están vacinados para salvagardar a súa seguridade e a súa saúde, o Goberno galego traballa nun conxunto de actuacións centradas en mellorar a comodidade nos centros nos que viven.

Neste sentido, xa se deron a coñecer outras obras de mellora en instalacións sociosanitarias como o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, ao que se destinarán 400.000 euros, ou os 2 millóns de euros para equipamento da residencia de Cerdedo-Cotobade.