Poñen luminarias Led en Corrillo e Boiro de Arriba

alumeado
Suso Souto
LUZ BRANCA. As lámparas Led brancas substitúen ás de vapor de sodio laranxas. Foto: C.B.

BOIRO. O Concello de Boiro traballa por mellorar o aforro enerxético e reducir consumos e emisións de CO2, polo que vén de cambiar luminarias por outras de tecnoloxía Led en Corrillo e Boiro de Arriba, que substitúen ás que había de vapor de sodio e luz laranxa. O pasado ano xa se renovaron máis de 600 nos núcleos de Treites, Louriño, Brea, Valmaior, Vilariño, Sandrenzo, Comba, Cespón e Nine, e outras 50 en Cimadevila. Nos vindeiros días tamén se cambiarán as da zona da Ferrería. Estas novas luminarias teñen unha potencia de 60 vatios, contribuíndo así ao aforro enerxético e reducindo o consumo eléctrico, ademais de mellorar a nitidez en camiños e estradas.

O consumo con estas novas luminarias é un terzo menor ao que había coas anteriores, polo que se obtén un aforro do 65 %. O aforro económico destas medidas cífrase nuns 30.000 euros anuais, e a redución das emisións de CO2 en ata setenta toneladas anuais. S. S.