Portos retirou outros dous barcos que levaban anos abandonados en Ribeira

Abandono
Suso Souto
RUMBO Ó DESPECE. Retirada dun dos barcos. Foto: Xunta

RIBEIRA. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, procedeu este venres á retirada do porto de Ribeira das embarcacións Rey Novo e Nécora, ambas en estado de abandono. Esta actuación é o resultado dunha complexa tramitación administrativa ante a falta de resposta dos seus titulares, aos que se instou a asumir a tarefa directamente por ser súa a responsabilidade. A Xunta de Galicia contratou os traballos por importe de máis de 10.000 euros, que adiantará o ente público. As tarefas consisten na retirada e desmantelamento das citadas embarcacións, previo despece no propio porto para poder ser transportadas e culminar o proceso nun estaleiro. Posteriormente, os residuos trasladaranse ao xestor autorizado para o seu tratamento. Estas dúas embarcacións engádense ao Eros 2 e ao L’Etel, que tamén foron retirados en estado de abandono no porto de Ribeira nos últimos anos. O L’Etel, que se afundira na dársena en xaneiro de 2020, foi retirado o pasado mes de novembro despois de que Portos adiantase os cartos necesarios (332.000 €). E ese mesmo ano foi retirado tamén o Eros despois de once anos de abandono. Co desmantelamento do Rey Novo e do Nécora elimínase un serio problema de seguridade e de feísmo no porto. S. Souto