Premian un libro-escultura feito en clave de cooperativismo por escolares boirenses

Certame
Suso Souto
Os cativos do CEIP de Abanqueiro, co premio. Foto: Suso Souto

Boiro. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou este mércores o CEIP de Abanqueiro (Boiro) para coñecer unha das iniciativas galardoadas no certame Cooperativismo no ensino, titulada Escultura narrativa. Este proxecto foi merecedor do accésit para actividades artísticas na categoría de Educación Infantil do certame que impulsa a Administración autonómica para promover entre o alumnado galego os principios do cooperativismo.

A proposta presentada por dito centro boirense recibirá 1.500 € pola escultura que realizou o alumnado máis pequeno do colexio para celebrar o Día do Planeta, o pasado 22 de abril. Os nenos e nenas traballaron de xeito cooperativo para realizar estas construcións que seguían un fío narrativo e contaban unha historia, compoñendo un orixinal libro-escultura.

O certame, organizado pola Xunta, ten como obxectivo difundir e promover os valores do cooperativismo en todas as idades. Por iso, durante a actividade artística o alumnado traballou seguindo os principios de solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 28.000 euros ao certame Cooperativismo no ensino para difundir entre o alumnado galego de todas as idades unha cultura emprendedora e con beneficios no resto da comunidade, como é o cooperativismo. s. souto