Prevén dotar dunha cuberta téxtil ó parque de Abesadas

Parques infantís
Suso Souto
Parque infantil de Abesadas. Foto: C.R.

Ribeira. O C oncello de Ribeira vén de solicitar unha subvención para a cubrición do parque infantil do céntrico barrio de Abesadas, situado na cidade de Santa Uxía, ao abeiro dunha convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalación e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

A tal efecto, preténdese instalar neste concorrido parque infantil de 498 metros de superficie unha cuberta téxtil (tensoestrutura en tecido de poliéster de alta resistencia) para permitir o uso desta infraestrutura en condicións meteorolóxicas adversas.

Para tal fin optouse por unha solución moi lixeira e cunha altura axustada aos xogos actuais no ánimo de minimizar o impacto visual. Construtivamente constará dun sistema estrutural formado por un arco e dúas liñas de pilares opostos sobre os que se tensa a cuberta téxtil.

O orzamento previsto para este proxecto ascende a 90.750 euros, IVE incluído.

Cómpre lembrar que no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña (POS+2022) aprobado en pleno a semana pasada, tamén se incluíu a cubrición doutro parque infantil. Trátase do da Capela, ubicado na parroquia de Carreira.

Esta última actuación é unha das cinco necesidades máis demandadas polos veciños de dita localidade na enquisa participativa impulsada polo Concello de Ribeira o pasado mes de xaneiro. s. s.