Prevén elevar o gasto do SAF ribeirense ata un millón de euros este ano

Ruiz pretende reforzar co POS o servizo de atención domiciliaria a persoas dependentes
Servizo de Axuda no Fogar
Suso Souto
O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz. Foto: Suso Souto

Ribeira. Aparte de destinar 721.467 € a obras e 102.992 á redución de débeda, o Concello de Ribeira tamén inclúe no POS da Deputación da Coruña (punto que será sometido á consideración do pleno este martes) 262.161 € para ampliar o servizo de atención domiciliaria a dependentes.

O alcalde, Manuel Ruiz, dixo que esta contía adscríbese ao POS+ Adicional, que contempla unha achega para facer fronte ao impacto económico e social do COVID en materia de servizos sociais. De saír aprobado, este aumento permitiría dedicar case un millón de euros a dito servizo, ao incorporar a devandita asignación do POS a outras contías procedentes das aportacións da Xunta, gastos municipais e ingresos por prezo público.

Cómpre lembrar que no apartado de obras o POS tamén contempla actuacións en todas as parroquias: pavimentación, saneamento e abastecemento en Braña do Muro (Aguiño), saneamento e abastecemento en Lombas (Palmeira), pavimentación, pluviais e saneamento nas rúas Chaprado e Ceboleira (Corrubedo), instalación de rede de saneamento con pozo de bombeo en Canabeiro (Oleiros), rede de pluviais en Outeiro (Artes), pavimentación e renovación das redes de auga e pluviais na rúa Luis Pimentel (Aguiño), pavimentación, pluviais e saneamento na rúa da Chouza (Castiñeiras), saneamento, pavimentación e abastecemento en Frións (Carreira), pavimentación da rúa Rosalía de Castro (Ribeira) e saneamento en A Cucheriza (Olveira). s. s.