Proxectan reformar a área das endoscopias do hospital barbanzán

Feijóo abordou con Ruiz os grandes proxectos para Ribeira // A Xunta está estudando as alegacións presentadas ó trazado da variante
Hospitais
Suso Souto
COMPLEXO. Fachada do hospital comarcal do Barbanza, ubicado en Ribeira. Foto: Suso Souto

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, abordou este martes co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacou as melloras en infraestruturas sanitarias e en estradas.

Despois de lembrar que o reformado e ampliado servizo de Urxencias do hospital comarcal do Barbanza está en funcionamento dende o pasado mes de setembro, Feijóo avanzou un novo proxecto para licitar a reforma da área de endoscopias dixestivas do citado complexo.

Ruiz pediu que se acelere a redacción do proxecto de ampliación da área de hospitalización do citado complexo sanitario, e Feijóo díxolle que se aprobará en breve.

Durante a reunión, o xefe do Executivo autonómico e o rexedor tamén abordaron a situación da futura variante de Ribeira (estanse estudando as alegacións presentadas ó trazado), así como o reforzo do firme da AC-309 (a avenida da Paz) e o proxecto para integrar a estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira no entorno urbano da localidade (que tamén se vai licitar en breve, segundo o presidente).

A maiores, analizaron o plan para a construción do novo polígono industrial. Ao respecto, o alcalde ribeirense dixo que prevé licitar en abril o proxecto construtivo.

No tocante á COVID, o titular do Executivo autonómico salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, desenvolvéronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron autónomos e Pemes do municipio. Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a COVID, coa entrega de material por parte da Xunta, como máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais. Finalmente, o presidente da Xunta valorou o reforzo por parte do Concello dos servizos sociais e das axudas para autónomos.