Queiman as cubertas das pallozas do parque ribeirense de San Roque

Vandalismo
Suso Souto
INCENDIO. Imaxe do incendio que calcinou as cubertas das tres pallozas. Foto: C. de Ribeira

RIBEIRA. A chamada dun particular en torno ás once da noite deste luns alertou á Policía Local de Ribeira de que se vía lume no parque periurbano de San Roque, polo que se avisou ao 112 para que enviase ao lugar un equipo de bombeiros. Persoados os axentes no lugar dos feitos, puideron comprobar que estaban ardendo os teitos de palla e madeira das reproducións das tres pallozas alí enclavadas (no parque hai tamén reproducións dun anfiteatro romano, dun menhir ou dun dolmen). No lugar atopábanse dous mozos que manifestaron ter visto a un home que lle tirou pedras ós seus vehículos e que, ó ser sorprendido, dirixiuse cara as pallozas, ás que prendeu lume e logo escapou. A Policía buscou a esta persoa, pero non deu co seu paradoiro. Ademais dos Bombeiros e da Policía tamén interviron o GAEM e un axente forestal. s. souto