Quintana defende en Dieatlántica a alianza de gastronomía e pesca responsable

Dieta Atlántica
Suso Souto
APERTURA. Rosa Quintana e Manuel Ruiz na apertura da segunda xornada do foro Dieatlántica, en Ribeira. Foto: Xunta

Ribeira. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé no papel fundamental que xogan a práctica dunha actividade pesqueira sustentable e a gastronomía para impulsar o consumo de produtos do mar. Así o sinalou este martes ó abrir a segunda xornada do I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica (Dieatlántica), celebrada na lonxa de Ribeira.

A titular de Mar tamén destacou que os peixes e mariscos son “un auténtico motor da economía galega”, que move cada ano máis de 150.000 toneladas de peixes, mariscos e algas nas lonxas e que produce máis de 250.000 toneladas de mexillón e outras especies de acuicultura.

Ademais, puxo de relevo o seu importante papel dentro dunha alimentación saudable e equilibrada. Nesta liña, subliñou a necesidade de protexer o medio mariño para preservar ao mesmo tempo o consumo saudable dos seus produtos. “Un xeito de facelo é desenvolvendo unha actividade pesqueira sustentable e respectuosa co medio ambiente”, sinalou a conselleira.

Quintana (que inaugurou a xornada xunto ó alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz), tamén sinalou que os peixes e mariscos identifican a Galicia e á súa gastronomía e xogan un importante papel na alimentación. Ademais, puxo en valor a importancia da gastronomía na concienciación da cidadanía para consumir produtos de calidade.

O foro reuniu a expertos da sanidade, a nutrición, a educación e a gastronomía. s. s.