RedeAberta xa está a ampliar a fibra óptica en todo Rianxo

Fibra óptica
Suso Souto
Operarios instalando rede de fibra óptica. Foto: R.A.

Rianxo. Ao longo do pasado ano, o proxecto de colaboración que se está a desenvolver entre o Concello de Rianxo e RedeAberta.gal para despregar unha rede neutral de fibra óptica no municipio tornou efectivo en boa parte das parroquias de Rianxo, Taragoña e Leiro, co despregue inicial de fibra e a captación dos primeiros clientes.

A empresa instaladora de RedeAberta, Vento Rede, vén de ser adxudicataria dos incentivos do programa UNICO-Banda Ancha, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para completar a cobertura en varios municipios coruñeses, entre eles o de Rianxo.

Como consecuencia, RedeAberta vaise estender á totalidade dos núcleos de poboación do municipio. Para facilitar a chegada ás poboacións máis remotas, estase a explorar un acordo de colaboración para o uso dalgunhas infraestruturas municipais, como os postes de alumeado público, para a extensión da rede, “o que permitirá achegar a fibra óptica ata os lugares de Cerqueiras, O Vilar, Varela e Campelo, entre outros”, segundo explicaron ao respecto dende o goberno local, que preside o alcalde Adolfo Muíños Sánchez.

O remate desta ampliación está previsto para abril. s. s.