Rehabilitarase o antigo campo de fútbol de Artes con árbores e un miradoiro ornitolóxico

En marcha un ambicioso plan para poñer en valor un terreo sumido no abandono, sito en pleno parque natural
Rehabilitación
Suso Souto
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Ribeira. O Concello de Ribeira vén de recibir unha comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia na que informa dunha actuación que vai emprender o departamento autonómico, consistente na mellora e acondicionamento para uso público do antigo campo de fútbol da parroquia de Artes, situado no ámbito do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Neste senso, o que se pretede é restaurar o citado terreo, que na actualidade se atopa en estado de abandono, para proceder á posterior plantación de diversas especies leñosas autóctonas, así como á instalación dunha infraestrutura de madeira que terá a función de miradoiro ornitolóxico.

Máis en concreto, e logo da autorización concedida para este proxecto pola comunidade de montes de Artes, efectuaranse, en primeiro lugar, as tarefas de retirada do piñeiral da superficie abandonada, dispoñendo os exemplares de xeito ordenado e procurando evitar a mestura ou contaminación, para así facilitar os posteriores traballos de aproveitamento. A continuación, levarase a cabo o eliminación da matogueira existente no citado terreo.

Entre os traballos que a Consellería prevé levar a cabo no antigo campo de fútbol atópase tamén o acondicionamento do terreo mediante o aporte de abono ou hidroxel.

A actuación deseñada polo departamento autonómico contempla asimesmo a plantación manual de especies frondosas (concretamente de Quercus suber e Quercus robur) enxertadas de raíz núa. Por outra banda, vaise construír un muro de pedra mediante materiais existentes no entorno. No tocante á creación dun miradoiro no lugar, estará formado por pavimento de madeira de piñeiro para exteriores, pasarela de madeira, varanda dobre de postes de madeira e banco de madeira rústico de táboas.

Pola súa banda, a comunidade de montes da parroquia de Artes plantexou no seu día a necesidade de mellorar tamén o camiño de acceso ó antigo campo de fútbol dende a estrada pavimentada, dado que actualmente está en mal estado. s. s.