Renovan a rede de auga do cruce do Vilar á rúa Gabaceira, en Carreira

Abastecemento de auga
Suso Souto
Treito da estrada de Carreira na que se vai renovar a rede de abastecemento de auga. Foto: C.R.

RIBEIRA. A empresa Xestión Ambiental e Contratas S.L. resultou adxudicataria das obras de renovación da liña de abastecemento de auga na estrada DP-7305, no treito da parroquia de Carreira situado entre a rotonda do Vilar e a rúa Gabaceira. O orzamento é de 101.413 €, e ó concurso presentáronse 31 ofertas. Con esta obra preténdese dar solución á baixa presión e ás roturas que con certa frecuencia se producen na rede desta zona, formada por unha tubaxe de fibrocemento de 200 milímetros de diámetro. A tal efecto, o conduto será substituído por dúas novas liñas de PVC de 200 milímetros de diámetro, cada unha das cales conta con 510 metros de lonxitude. Ademais, serán renovadas as 11 acometidas domiciliarias. O prazo de execución é de tres meses. A citada actuación está financiada pola Deputación Provincial da Coruña. S. S.