Retocado xa o Plan Xeral de Ribeira para o novo polígono

Polígono industrial
Suso Souto
Plano do futuro polígono industrial de Ribeira.

Ribeira. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (dependente daConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) aprobou de maneira definitiva a modificación puntual do PXOM de Ribeira que permitirá a construción do novo polígono industrial.

Conclúe así unha longa tramitación que incluíu unha vintena de informes de distintos organismos das administracións estatal, autonómica, provincial e local, período de exposición pública, consultas, declaración ambiental estratéxica, etcétera.

Esta modificación dá luz verde á creación dun polígono empresarial na zona coñecida como Pedras Vermellas (na parroquia de Palmeira) que contará con 258.685 metros cadrados de superficie.

Ademais, por unha contía global de 249.260 euros, o Concello ribeirense licitou xa a contratación dos servizos de arqueoloxía (as ofertas xa están clasificadas e requiriuse ás empresas a correspondente documentación antes de proceder, se é o caso, á súa adxudicación definitiva) e a redacción do proxecto de urbanización do polígono (neste caso prodúxose unha baixa temeraria, dándose un prazo para a súa xustificación).

Por outra parte, o orzamento municipal deste ano (que entrou en vigor a semana pasada) contén diversas consignacións sobre o novo polígono. Entre elas, 1,2 millóns para a expropiación de terreos e 7.992.648 euros para a súa urbanización. s. s.