Retoma todo o seu esplendor a Semana Santa ribeirense, que inclúe unha mostra ó aire libre

Semana Santa
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Carmen García (Alfaia), Puri Cores (Amas de Casa), o párroco Alfonso Mera e a edil María Sampedro. F: C.

Ribeira. Despois de dous anos nos que a pandemia condicionou a súa celebración, a Semana Santa de Ribeira recupera todos os seus actos característicos, como as procesións do Paso e do Santo Enterro ou o Sermón das 7 palabras e o Desencravo.

O Concello vai volver exhibir ao aire libre a exitosa exposición creada por Lesmes Fotógrafos sobre esta festividade. Desta vez non será no adro da igrexa, senón noutro punto da cidade, aínda por determinar.

Os actos comezarán este domingo ás 11.30 horas ca bendición de ramos no Monumento para ir logo en procesión ata o adro da igrexa, onde ó mediodía se celebrará a eucaristía.

Entre o luns e o mércores terán lugar as visitas ás persoas maiores e enfermas. Xa o Xoves Santo, ás 19.00, será a Santa Cea; ás 20.30, a procesión do Paso; e ás 22.30, a Hora Santa. O Venres Santo ás 11.30 haberá o Sermón do Encontro no adro; ás 19.00, a Paixón do Señor no templo parroquial; ás 20.00, o Sermón das sete palabras e o Desencravo no adro; e ás 21.00, a procesión do Santo Enterro. O Sábado Santo ás 22.00 será a solemne Vixilia Pascual e o Domingo de Resurrección, ó mediodía, a misa solemne de Pascua. s. s.