Rianxo activa un plan para limpar zonas arqueolóxicas

Arqueoloxía
Suso Souto
Mario César Vila, esquerda, e Adolfo Muíños, cos comumeiros. Foto: C.R.

Rianxo. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, mantivo unha reunión con membros das comunidades de montes para informarlles dun proxecto de mantemento de xacementos arqueolóxicos do concello ó longo de tres anos.

Abrangue unha zona especialmente rica en xacementos, especialmente mámoas e petróglifos, para os que se trazou un plan para garantir con medios propios do Concello a limpeza da contorna, eliminando a matogueira inmediata e desbroce. Os traballos estarán dirixidos por un arqueólogo. Trátase dunha zona entre Leiro e Isorna ata Asados, desde Os Mouchos a Monte Picouto. Inclúe espazos como a Foxa Vella, Os Campiños e o Monte Pelotiño, con mostras relevantes e que configuran un percurso de grande interese histórico.

Muíños dixo que tamén é moi relevante o efecto que a limpeza ten fronte aos incendios forestais. Para explicar o proxecto asistiron tamén o arqueólogo redactor do mesmo, Mario César Vila, e o edil de Patrimonio, Xavier Ares.

Tras expoñerlles os obxectivos e a metodoloxía de traballo, Muíños fíxolle a petición aos propietarios dos terreos para que dean o permiso para executar as tarefas.

O proxecto será remitido a Patrimonio, organismo co que xa se avanzou no seu desenvolvemento. Hai varios anos o Concello xa realizara unha limpeza importante dos Campiños e procúrase a continuidade deste labor, así como seguir apoiando que sexa declarado BIC. s. souto