Rianxo activa unha campaña para o Nadal a prol de Cáritas

Solidariedade
Suso Souto
Fachada do Concello de Rianxo.

Rianxo. O Concello de Rianxo, a empresa que xestiona a piscina municipal (Beone) e a patronal puxeron en marcha unha campaña conxunta na que apelan á implicación de toda a veciñanza para colaborar con Cáritas de cara ás festas de Nadal.

Ata o vindeiro día vinte poderanse entregar na piscina, na sede da patronal ou no auditorio as doazóns de artigos que se solicitan: roupa nova ou de segunda man (Cáritas ten un contedor destinado a tal fin na Casa do Cura, sita na rúa Hospital); xoguetes e agasallos de todo tipo (para crianzas de diferentes idades, libros, artigos de papelería, etc.); e alimentos non perecedeiros (só se recolleran alimentos que non precisen refrixeración para a súa conservación, ademais de produtos de limpeza e aseo persoal).

A Asociación Rianxeira de Empresarios fai un chamamento para que todas as persoas interesadas en colaborar con Cáritas adquiran os seus produtos no comercio local, sinalando que “deste xeito, a iniciativa redundará tamén positivamente na economía da vila rianxeira”.

Por outra banda, tamén se poden facer donativos nas contas de Cáritas en Abanca (ES11-2080-0310-5930-0011-8053) e La Caixa (ES58-2100-4694-9101-0023-1799). s. s.