Rianxo amplía nun terzo a cobertura da dependencia

Orzamentos 2021
Suso Souto
Imaxe de arquivo dunha sesión plenaria en Rianxo.

Rianxo. A Corporación de Rianxo aprobou este martes os orzamentos municipais deste ano, por importe de 8,6 millóns de euros, cos votos a favor de BNG, PSOE e PP e en contra de Rianxo en Común.

No eido do benestar e a dependencia darase cobertura a unha crecente demanda, ó pasar das 44.220 horas anuais para atender a 163 persoas a 58.872 horas para chegar a 200 usuarios (un terzo máis). Hai tamén unha aposta decidida do executivo local pola mellora de área de benestar ca incorporación de catro persoas a través dos fondos da Deputación da Coruña: un traballador social, un axente de Igualdade e a creación do Centro de Información á Muller (con axente de igualdade e avogado).

Contémplanse investimentos por 885.278 euros, dos que 261.969 son de fondos propios. Destacan a ampliación da rede de abastecemento municipal en Cubide; a rede de saneamento de Burés; o saneamento e o abastecemento de Quintáns; e as canalizacións de abastecemento de Corques e Outeiro en Taragoña. Por outra banda, convocaranse as prazas de arquitecto e arquitecto-técnico para reforzar a área de Urbanismo, así como a dun técnico de administración xeral para Secretaría e Intervención. s. s.