Rianxo fará a campaña de Nadal nos comercios e tamén de xeito ‘online’

Sortearanse un bono desconto de 200 euros e oito vales de compra de cincuenta cada un
CAMPAÑA NAVIDEÑA
Suso Souto
Imaxe da plataforma Mercarianxo.gal. Foto: ARE

Rianxo. A campaña de Nadal organizada este ano pola patronal de Rianxo vai ter dúas partes: unha online, a través da plataforma mercarianxo.gal, e outra física, nos establecementos adheridos.

A primeira vai comezar hoxe e rematará o oito de xaneiro co sorteo dun bono desconto de 200 € para gastar en mercarianxo.gal ao longo do vindeiro ano. Para participar neste sorteo, os clientes deberán entrar en dita web e rexistrar os gastos que fagan nos establecementos asociados da patronal (sexa cal sexa a súa actividade) a través dun formulario no que deberán incluír, entre outros datos, o nome do negocio, a data na que realizou o gasto e o importe do mesmo. Poderanse rexistrar gastos realizados ata o día 5 de xaneiro e os feitos directamente na web.

A segunda parte da campaña, que se vai realizar nos establecementos físicos que se adhiran, comezará o día nove de decembro e rematará tamén o oito de xaneiro cun sorteo final de 8 vales de compra de 50 euros cada un.

Esta parte da campaña vaise levar a cabo por medio de tarxetas-rasca nas que se agocharán paraugas, bolsas reutilizables, vales desconto e outros premios aportados polos establecementos. Serán os propios socios os que establezan as condicións de reparto das tarxetas. Os que as reciban deberán rascalas in situ e, no caso de resultar premiados, recibirán o premio de inmediato. Os clientes que non obteñan agasallo participarán no sorteo dos 8 vales. s. s.