Rianxo programa espectáculos teatrais, concertos e presentacións literarias no marco dos Actos Castelao

Cultura
Suso Souto
Pola esquerda, Alba Nogueira, Raquel Velasco, Javier Castiñeira e Carmen Facorro, integrantes da compañía Amorodio. Foto: Amorodio

RIANXO. O Concello de Rianxo deseñou unha variada programación para o ciclo anual denominado Actos Castelao, que inclúe, entre outras propostas, espectáculos teatrais, concertos e presentacións literarias.

O programa dará comezo o vindeiro xoves 19 ás 20.00 horas, no auditorio, coa preestrea da obra de teatro A nai, a cargo da compañía Amorodio. O venres 20, ás 20.30 horas, tamén no auditorio, presentarase o poemario Diorama, de José Carou Rey. O autor estará acompañado do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, do ilustrador Salvador Laíño e de Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

O sábado 21, ás 20.30 horas e na mesma instalación municipal, terá lugar o concerto A música de onte e hoxe, a cargo do grupo Onte e hoxe. O venres 27, ás 20.30, presentarase a publicación Días de intemperie, de Antón Riveiro Coello, nun acto no que o autor estará acompañado de Xesús Laíño (vogal da asociación cultural Barbantia), Milagros Torrado (secretaria da entidade), Marcos Calveiro (director de Edicións de Galaxia) e o alcalde rianxeiro. Haberá asimesmo unha intervención artística a cargo de Alfonso Costa e apertura e peche musical a cargo da Escola de Música de Rianxo.

O sábado 28, ó mediodía, no Paseo da Ribeira, celebrarase ante o busto de Castelao unha ofrenda floral, coa intervención de autoridades. Pola tarde, ás 20.30, no auditorio, terá lugar o concerto poético-musical Xirando, de Noelia Gómez e Rui Grenha. Por outra banda, o programa dos Actos Castelao inclúe tamén unha exposición. Así, ata o día un de febreiro pode visitarse no citado complexo cultural a mostra do XVI Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica da Deputación Provincial da Coruña. Nesta convocatoria resultou gañadora a obra Lume de Brais Lorenzo e resultaron finalistas Fuco Reyes, Sergi Cámara, Carlos Ximénez, Belén Lozano e Arturo Rodríguez. S. Souto