Rianxo quere potenciar os polígonos agroforestais

Xestión forestal
Suso Souto
Pola esquerda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o conselleiro José González e o alcalde Adolfo Muíños. Foto: Xunta.

Rianxo. A Xunta e o Concello de Rianxo colaborarán no impulso das distintas ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co gallo de poñer en valor diferentes áreas do municipio. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde da localidade, Adolfo Muíños.

O alcalde trasladou o interese que espertan as distintas figuras da citada lei no municipio, polo que o conselleiro se comprometeu a programar un encontro con veciños para explicarlles as distintas particularidades destes instrumentos de posta en valor. En concreto, hai intención de apostar por unha mellora da xestión forestal, recuperando zonas en estado de abandono ou infrautilización.

González e Muíños trataron as posibilidades que ofrecen os polígonos agroforestais, que buscan poñer en valor grandes superficies de terreo, ou as agrupacións de xestión conxunta, que avogan por xestionar de xeito coordinado e sustentable distintas parcelas co fin de darlles un uso agroforestal e avanzar na anticipación aos incendios.

Tamén os intercambios ou permutas de especial interese agrario, que buscan, así mesmo, conseguir unha maior rendibilidade do sector primario. suso souto