Ribeira acolle o festival Etal Equal, con tres concertos

Concertos
Suso Souto
Integrantes do grupo Narci Rodríguez D’A Trío. Foto: Narci Rodríguez

Ribeira. O Paseo do Malecón de Ribeira acollerá este domingo día 11, entre as 11.30 a as 21.00 horas, o festival Etal Equal, organizado pola asociación cultural Ribeira Crea.

O programa comezará cun obradoiro de Beatbox que será impartido por Narci Rodríguez ás 11.30 horas (é preciso anotarse previamente a través do correo electrónico ribeiracrea@gmail.com).

Posteriormente, haberá unha sesión vermú a cargo do dúo Two Faces, formado por Bruno Couceiro (batería e percusións) e Ismael Berdei (piano e teclas). Esta agrupación utiliza diversas sonoridades que non son doadas de atopar para crear música instrumental e facer que os oíntes entren nunha viaxe a través do proceso artístico con pezas cargadas de dinamismo e intensidade.

Xa pola tarde celebraranse dous concertos. O primeiro, da man de Cris Regueiro & The Neo Band. Esta formación está composta por Cristina Regueiro (voz e teclados), Ale Cambón (baixo eléctrico) e Bruno Couceiro (batería e percusión electrónica), con sonoridades que beben do neosoul e o R&B.

Por último, terá lugar no festival Etal Equal o concerto de Narci Rodríguez D’A Trío, grupo que está formado polo cantante e baixista Narci Rodríguez, Zalo Rodríguez ás teclas e sintetizadores e Ilmarto á batería. O D’A Trío preserva as boas formas do groove, as mesturas electroacústicas e a procura da música como motor de concienciación humana. s. souto