Ribeira acollerá o campionato galego de fotografía submarina en apnea

Fotografía
Suso Souto
Pola esquerda, as concelleiras María Sampedro e Juana Brión, Héctor Costa e Javier Núñez, na apertura da mostra. Foto. C.R.

O vindeiro domingo 20 de xuño as augas do municipio ribeirense darán cabida ao XV Campionato Galego de Cazafotosub en Apnea. A celebración desta competición (que foi dada a coñecer no transcurso da inauguración da exposición de fotografía subacuática que o club Sotavento desenvolve no consistorio local) contará con quince participantes, segundo informou a concelleira de Deportes, Juana Brión.

Héctor Costa, secretario de Sotavento, alabou a idoneidade das augas ribeirenses para o desenvolvemento do campionato xa que se poden atopar especies que non se ven noutros sitios. Os participantes sairán nunha embarcación dende as instalacións do Club Náutico.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez, celebrou a iniciativa no obxectivo de poñer en valor a riqueza dun entorno que reúne especies únicas no mundo. Ambos quixeron agradecer a colaboración do Concello para que este certame puidese ter lugar.

En canto á citada mostra, está integrada por unhas 70 fotografías que poderán ser contempladas ata o vindeiro 30 de setembro. Con esta iniciativa prosegue o obxectivo de achegar diferentes expresións culturais como, neste caso, a fotografía, a quen pase polo consistorio local.