Ribeira financiará descontos do 25 % nas compras locais

Quedan exentas do canon da auga dende o 5 de novembro as empresas hostaleiras e turísticas que rexistraran diminución da súa actividade
Pequeño Comercio
Suso Souto
Vista parcial da peonil rúa de Galicia, o principal eixo comercial de Ribeira. Foto: Suso Souto

Un dos puntos que se debaterán no pleno ordinario do vindeiro luns en Ribeira será unha modificación orzamentaria orientada a dedicar 100.000 € a seguir dinamizando o comercio local a través dunha nova campaña de descontos na que os consumidores terán a oportunidade de aforrar un 25 % do importe das súas compras, que serán sufragadas polo Concello.

De prosperar esta modificación no orzamento, dita iniciativa, desenvolvida en colaboración ca patronal local, porase en marcha despois de Nadal e permitiría unha entrada de 400.000 euros nas caixas rexistradoras dos comercios adheridos.

Por outra parte, o mércores finalizou o prazo de presentación de solicitudes para o Plan de Axudas para a Reactivación Económica e Social de Ribeira (PEL Reactiva), sendo 378 as instancias rexistradas para un paquete de subvencións destinado a autónomos e microempresas dotado de 595.528 euros.

Outra importante axuda ca que se verán beneficiadas empresas hostaleiras e turísticas do municipio (como bares, cafeterías, restaurantes, hoteis ou aloxamentos turísticos) é a exención no canon da auga nos períodos de facturación comprendidos entre o cinco de novembro e a data na que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego, sempre que teñan diminuída significativamente a súa actividade en dito período e que os consumos sexan inferiores ao 25 por cento no período de facturación inmediatamente anterior ó devandito 5 de novembro. Así llo comunicou ó Concello a Consellería de Infraestruturas.

Dende que se aprobou o Plan Reactiva Ribeira o pasado mes de maio impulsáronse outras múltiples accións dirixidas ao comercio e á hostalería local, incluíndo subvencións directas a 138 establecementos con axudas que alcanzaron os 2.500 euros, o lanzamento da plataforma de comercio electrónico Ribeira Store, os cursos gratuítos online Ribeira Academy (1 e 2) ou o plan Innova Formación co que se subvencionou a compra de ordenadores a 72 familias con fillos en idade escolar en tendas de informática do municipio.