Ribeira ‘frea’ os permisos para concertos ata fixar criterios

Concertos
Suso Souto
O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz. Foto: Suso Souto

Ribeira. Á luz dunha serie de incidencias que se están a producir nos últimos tempos en relación á celebración de concertos que precisan de autorización municipal (coincidencia de actuacións nunha mesma rúa, solicitudes sen antelación suficiente para a súa aprobación e notificación, extralimitacións nos horarios permitidos, instancias sen aclarar a utilización ou non de equipos de amplificación e a súa potencia, etc.) o Concello de Ribeira decidiu suspender temporalmente tales autorizacións en tanto se están acabando de regular diversos aspectos relacionados con este tipo de espectáculos.

O executivo local prevé que nun prazo aproximado de dúas semanas estea finalizada tal regulación e que, como moi tarde, xa se poidan retomar os concertos na noite de Halloween do 31 de outubro.

Entre os criterios que se pretenden incluír figura a solicitude de autorizacións cunha antelación mínima de sete días. A este respecto, aqueles locais e demais entidades interesadas en celebrar actuacións musicais na festa de Halloween poden ir presentando xa as súas instancias a través do Rexistro Xeral do Concello de Ribeira.

Con esta medida, a administración local frea temporalmente a resolución das numerosas solicitudes de autorización para concertos coa finalidade de poñer orde no tocante aos criterios que denen establecerse para a aprobación e o control das mesmas e ás condicións nas que terán que celebrarse. s. s.