Ribeira terá atraccións de feira entre os días dous e nove de agosto

Poderán instalarse no Malecón, e o Concello vaille dar apoio ó sector deseñando actividades
Feiras
Suso Souto
Manuel Ruiz e María Sampedro, á esquerda, este martes na reunión cos representantes dos feirantes. Foto: C.R.

Ribeira. O salón de plenos da casa consistorial de Ribeira acolleu este martes unha reunión entre o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e representantes dunha agrupación de industriais feirantes que tradicionalmente veñen desenvolvendo a súa actividade profesional no municipio.

No mencionado encontro, os empresarios manifestaron o seu desexo de poder establecerse na cidade nas mesmas datas nas que veñen cadrando as festas de verán, no ánimo de revitalizar na medida do posible un dos sectores que máis está sufrindo as consecuencias da crise económica derivada da pandemia.

Finalmente o mandatario alcanzou un acordo inicial para que poidan instalarse no mesmo lugar que habitualmente o facían entre os vindeiros días dous e nove de agosto, e sempre adaptándose ás medidas antiCOVID que a administración local sinale, incluíndo a redución do número de atraccións.

Asimesmo, Ruiz obtivo o compromiso de que os prezos das atraccións serán populares. A mencionada agrupación agradeceu a boa vontade e disposición do Concello ribeirense, en tanto que este se comprometeu a organizar unha serie de actividades complementarias no ánimo de incrementar a afluencia de xente á cidade durante esas datas e, deste xeito, axudar a un dos sectores máis golpeados pola pandemia.

Na reunión participou tamén a tenente de alcalde e concelleira de Cultura, María Sampedro, pois será este o departamento encargado de deseñar ditas actividades. s. s.