Ribeira traballa xa na ampliación do futuro polígono noutros 129.000 metros cadrados

Polígono industrial
Suso Souto
Manuel Ruiz e Ana García Vidal. Foto: C.R.

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, Rivas mantivo este venres unha reunión coa deputada autonómica Ana García Vidal, quen acudiu á capital do Barbanza interesada polas necesidades do municipio, sendo tres os principais focos da xuntanza: o novo polígono industrial, a variante e a preocupación da flota artesanal ante a reforma do Regulamento de Control da UE.

No que se refire ao primeiro punto, o alcalde manifestoulle o interese en que se inclúa dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Xunta de Galicia tanto o novo polígono que se vai construír en Fontenla-Pedras Vermellas (parroquia de Palmeira) como a súa ulterior ampliación. Neste senso, o rexedor explicoulle á deputada que froito dunha consulta lanzada ao mercado se constatou o interese en ocupar arredor de 215.000 metros cadrados, o que farían insuficientes os 158.000 metros cadrados inicialmente previstos, razón pola que o Concello xa está a traballar na creación doutros 129.000 metros nunha zona aledaña e que lindaría ademais co denominado parque empresarial do Barbanza, popularmente coñecido como macropolígono.

No que atinxe á variante, a deputada informou de que sigue a tramitación ambiental e que se prevé que a contestación de alegacións teña lugar antes de que principie o verán.

Por último, Manuel Ruiz transmitiu a preocupación do sector da flota artesanal ante o proxecto de reforma do Regulamento de Control da UE. Ana García, membro da Comisión de Pesca, trasladou pola súa parte que o Grupo Parlamentario Popular coincide con esta postura e así se está a traballar na defensa dun sector produtivo esencial dentro do tecido económico galego.