Ribeira viviu o seu ‘Soño dunha noite de verán’ coas alumnas de ballet

Danza
Suso Souto
FESTIVAL. Un grupo de alumnas da Escola Municipal de Ballet de Ribeira en plena representación da peza Soño dunha noite de verán, no marco do festival de fin de curso. Foto: C.R.

RIBEIRA. Un auditorio repleto expresou o seu aplauso rotundo e unánime ao medio centenar de bailarinas da Escola Municipal de Ballet de Ribeira, que danzaron nas táboas do escenario con motivo do festival de clausura do curso. As rapazas interpretaron a función Soño dunha noite de verán, con música de Felix Mendelssohn a partir da célebre obra dramática de William Shakespeare e cunha coreografía adaptada por parte da directora da escola, Cristina Riveiro. Ao longo dunha hora desenvolveuse un espectáculo no que dúas amigas se disputaban a simpatía dunha fada nun ambiente máxico poboado por elfos, trasnos, fadas e vagalumes. A continuación tivo lugar a entrega de diplomas a todas as alumnas. A edil de Cultura, María Sampedro, felicitou ás talentosas bailarinas e á súa profesora pola beleza do citado espectáculo. s. s.