Ribeira xa ten luz verde para o polígono no eido ambiental

Polígono industrial
Suso Souto
Plano do novo polígono industrial de Ribeira.

Ribeira. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático aprobou o informe de impacto ambiental do proxecto de urbanización do novo polígono industrial de Ribeira, que se ubicará en Pedras Vermellas e abarcará 258.926 m2, preto da autovía do Barbanza.

O informe propugna que durante o desenvolvemento do proxecto se apliquen as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas polo promotor na documentación, tendo en conta así mesmo unha serie de condicións que teñen que ver coa protección da atmosfera e das augas e leitos fluviais, a xestión de residuos, a protección da fauna e da vexetación, a protección do patrimonio cultural, a integración paisaxística, a protección ante accidentes graves ou catástrofes e a implementación dun programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A empresa que está redactando o proxecto de urbanización (Monsa Urbanismo S.L.) deberá incorporar as observacións do citado informe.

Logo, o proxecto de urbanización deberá ser aprobado inicialmente polo pleno e sometido a información pública, fase na que o Concello deberá solicitar os informes e autorizacións sectoriais preceptivas. A aprobación definitiva deberá ter lugar no prazo máximo de tres meses desde a conclusión do trámite de información pública. Entenderase aprobado por silencio administrativo sempre que se obtivesen as autorizacións e informes sectoriais. s. souto