Romero entregoulle ás forzas que o investiron o borrador do orzamento

Ábrese agora a fase de negociación na que BNG, ICB e Boiro Novo faráns as aportacións
Política municipal
Suso Souto
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero. Foto: Suso Souto

Boiro. Tras as críticas de BNG e Boiro Novo polo retraso na presentación do orzamento para 2021 (das que se fixo eco este xornal), o alcalde boirense, o socialista José Ramón Romero, entregoulle este martes o borrador do documento cas propostas do goberno ás forzas políticas que apoiaron a súa investidura (BNG, ICB e Boiro Novo), para que fagan aportacións.

O goberno local explica que comezou a traballar a finais de 2019 nos orzamentos para 2020, pero que “as dificultades económicas sobrevidas do exercicio anterior e a necesidade de aprobar un plan económico financeiro para os anos 2020 e 2021 imposibilitou a elaboración dun documento adecuados ás necesidade actuais do municipio”.

Isto, sumado á imposibilidade de modificar o capítulo destinado á inversión, dedicado integramente á rehabilitación do Pazo de Goiáns e á construción da nova sede do Club de Remo de Cabo de Cruz, levou a tomar a decisión de prorrogar os do ano pasado. A proposta do executivo boirense pasa por “unha visión reservada e contida da situación económica dada a actual conxuntura, que indica unha merma progresiva de gastos e ingresos”.

“Con este plantexamento búscanse uns resultados o máis reais posibles e que sexa o resultado final da liquidación o que permita unha capacidade de inversión que, a priori, non se estima. Inténtase minimizar posibles erros no futuro”, dixo o concelleiro de Facenda, Luís Ruiz. s. s.