Romero irrita ós socios da súa investidura polo retraso dos orzamentos

Boiro Novo advirte que deberán contemplar ao persoal da emisora de radio municipal
Política municipal
Suso Souto
José Ramón Romero, dereita, o día da súa investidura, co edil de ICB, Manuel Velo. Foto: Suso Souto

Boiro. O alcalde de Boiro, o socialista José Ramón Romero, estase distanciando cada vez máis das tres forzas políticas de esquerdas que posibilitaron a súa investidura. Mentras o edil de ICB, Manuel Velo, mantén a súa ameaza de dimitir (o que abriría ao PP a porta dunha posible moción de censura) BNG e Boiro Novo xa lle lanzaron serias advertencias e, agora, repróchanlle que non movera ficha aínda para sacar adiante os orzamentos.

A edil de Boiro Novo, Dores Torrado, critica a “deixadez” do goberno local ao respecto tras confirmar que non recibiu “nen a primeira chamada” para pactar o documento económico, engadindo que “para que haxa un acordo, deberá contemplar ao persoal da emisora de radio municipal” (actualmente adscrito aos departamentos de Recadación e Intervención).

Tamén o Bloque lle reprocha a Romero que aínda non o citase para negociar os orzamentos, ao tempo que lamenta que “ademais de evidenciar unha total falta de responsabilidade”, a actual situación deriva en “consecuencias”. Unha delas é, segundo o BNG, que o executivo local tivo que rexeitar máis do 60 % das solicitudes de axudas aos estudantes “ao ser insuficiente a partida destinada a tal fin”. s. souto