Ruiz presenta un ambicioso proxecto para reformar a fachada litoral de Aguiño

Reurbanización
Suso Souto
O alcalde, Manuel Ruiz, cun plano do proxecto. Foto: C.R.

Ribeira. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, presentou o proxecto para a remodelación integral do fronte marítimo de Aguiño ó longo de 1.720 metros liñais, que se executará o vindeiro ano cun investimento dun millón de euros dentro da Edusi.

A actuación abrangue dende a Punta do Laño (xunto á antiga depuradora de Demarsa) ata o cruce da rúa Castelao ca estrada xeral que vai a Castiñeiras. En Transporto, ademais da creación dun paseo pola beira do mar, habilitaranse un espazo para 20 aparcamentos e zonas de Pump Track, Skate e calistenia. No contorno portuario construirase unha rotonda e eliminarase o vial que pasa por diante da confraría e da fábrica de xeo para gañar en amplitude na praza existente, o que potenciará a súa capacidade para albergar eventos.

Zonas verdes e de aparcamento serán remodeladas e crearanse dous tramos de empedrados. Xa entrando na rúa Castelao crearase un carril bici que enlazará co que hai na rúa Torres Queiruga e que terá unha lonxitude de case oitocentos metros.

Ademais, o contorno do campo da Tasca experimenterá unha importante transformación: pasará a ser de sentido único, o que permitirá, ademais da creación do carril bici, ampliar as beirarrúas para mellorar a accesibilidade e crear máis aparcamentos, zonas verdes e algún paso elevado de peóns. De igual xeito, habilitarase unha gradiña que servirá como miradoiro cara O Carreiro. s. s.