Ruiz presenta o plan para unha Ribeira máis sostible o día 30

Axenda Urbana 2030
Suso Souto
Manuel Ruiz, quinto pola esquerda, o día da firma do convenio co Ministerio. Foto: C.R.

Ribeira. O Concello de Ribeira presentará o mércores 30 a primeira proposta do seu Plan de Acción da Axenda Urbana. O proceso baséase na construción dunha Ribeira máis sostible e intelixente, que mire aos seus cidadáns para enfrontarse aos retos que ten por diante.

A presentación será ás 18.00 horas no consistorio e contará coa presenza do alcalde, Manuel Ruiz, e de Sonia Hernández Partal, subdirectora adxunta de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Tras as intervencións institucionais tomará a palabra un representante de TECH Friendly, a empresa que desenvolveu o proxecto de Axenda Urbana durante os últimos meses. Sergio Serna, socio-director, presentará as diferentes oportunidades de financiamento que existen para os municipios no marco lexislativo actual. A continuación, Borja López e Ariela Schnitman, responsables do proxecto, presentarán o borrador de Plan de Acción de Axenda Urbana e as principais apostas estratéxicas do municipio. Nesta sesión a cidadanía ribeirense poderá valorar as propostas do plan.

Este proxecto fundaméntase na participación da cidadanía para definir o desenvolvemento urbano de Ribeira para os próximos anos. Un primeiro paso nesta dirección foi a consulta cidadá realizada durante o proceso para identificar os retos e contrastalos cos que propoñía o Concello ribeirense. s. souto