Segundo conclúen nun informe os arqueólogos Manuel Lestón e José Suárez, o misterioso busto que hai anos se atopou en Outes presenta trazas que o relacionan coa estatuaria de fins da cultura castrexa // Propoñen garantir a súa conservación polo seu posible papel na evolución da arte desa época TEXTO S. S.

Sabardes: unha escultura en tránsito

Arqueoloxía
Suso Souto
NUN BANCO. Imaxe da Cabeza de Sabardes, que ata hai unhas semanas estaba nun banco diante da casa do veciño que a atopou. Foto: A Rula

Os arqueólogos Manuel Lestón Gómez e José Suárez Otero veñen de presentar o informe que elaboraron a instancias do Concello de Outes sobre un busto esculpido en granito que ata hai unhas semanas estaba colocado sobre un banco, diante da casa do veciño que o atopara hai uns anos, no lugar de O Piñeiro, na parroquia de San Xoán do Freixo. Unha peza coñecida como Cabeza de Sabardes que, tras a publicación dunha reportaxe neste xornal, desapareceu de dito emprazamento, se ben o alcalde, Manuel González, afirma que xa está “localizada”.

Aínda que moitos expertos sospeitan que a peza pode ser da época castrexa, o feito de que se descoñezan os datos da súa procedencia e as circunstancias e data do seu achado, así como da súa chegada á localización actual, complican o seu estudo.

Na investigación, ambos arqueólogos advirten das carencias de información que limitan moito as posibilidades de identificar a peza e adscribila a un determinado período histórico ou realidade cultural, e ó tempo valorar o seu significado e importancia no ámbito do patrimonio artístico e cultural galego.

Con todo, conclúen que a peza “presenta trazas que a poñen en relación coa estatuaria que xorde no ámbito de fins da cultura castrexa. Ó non ter unha procedencia coñecida e, polo tanto, perder completamente a súa contextualización arqueolóxica, eses criterios exclusivamente formais e estilísticos non poden garantir de maneira definitiva esa identificación, pero ó basearse en trazos moi específicos, caso do traballo das orellas, da execución de ollos e nariz, e moi especialmente o destaque de boca e o queixo, cun sentido case xestual”, danlle unha alta probabilidade a esa proposta.

De ser acertada esa identificación da peza como unha expresión da escultura en Galicia no tránsito entre o mundo galaico ao galaico-romano, o busto de Sabardes adquire unha gran importancia. “Non só polo feito en si da súa antigüidade, senón pola súa condición de busto situano nun grupo de pezas aínda moi escaso dentro da estatuaria castrexa, pero que, non obstante, polas súas dimensións tanto ideolóxicas coma artísticas, podería ter xogado un importante papel no conxunto desas manifestacións escultóricas”.

PRETENSIÓNS NATURALISTAS. Doutra banda, se a súa procedencia se confirmase na contorna, mesmo nun senso amplo, do lugar onde se conserva, estaríamos diante dunhas das poucas esculturas castrexas no noroeste de Galicia, “que agás a posibilidade de incluír os bustos de Logrosa, aparece a estas alturas como unha xeografía valeira destas expresións artísticas”, din.

Manuel Lestón e José Suárez definen a escultura como “unha representación de aspecto simple, pero de pretensións naturalistas, da parte superior do corpo dun personaxe masculino. Está apenas esbozada e só se diferenza pola súa configuración xeral, sen distinguir as súas partes: brazos, tórax... Tan só as ombreiras e o pescozo, especialmente longo, a pesar de que está fracturado. A testa é tamén de conformación sinxela, aínda que nela si se diferencian algúns dos seus compoñentes”.

peza similar na estrada. Outra peza cuestionada, pero que si presenta algunhas coincidencias coa de Sabardes, é a cabeza do castro de Remesar, atopada na parroquia de Remesar (A Estrada). Lamentablemente está mal conservada, pero ten a parte do torso como un bloque que apenas esboza a feitura natural do mesmo e un pescozo moi longo como no caso da Cabeza de Sabardes. “Pola súa banda, o rostro está case perdido, pero semella presentar tamén unha solución parecida para os ollos e o nariz, mentres que a boca é apenas un vulto, e tamén quedan restos da representación das orellas.

Aínda que se relaciona cun xacemento castrexo, a realidade é que apareceu algo afastada do mesmo e, polo tanto, non é unha relación de todo segura”, din.