Seguen pendentes de elaboración os plans especiais para os núcleos de Corrubedo e A Pobra, previstos nos documentos urbanísticos // Apatrigal insta a protexer e a poñer en valor as aldeas abandonadas de Xei, Galea Vella e Abuín TEXTO Suso Souto

Seis dos hórreos máis grandes do mundo están en Barbanza e Noia

Conservación del patrimonio
Suso Souto
RUINAS. Estado de abandono que presenta a igrexa de Santa Baia de Chacín, en Mazaricos. Foto: Carmen Toba

O arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, director da Oficina de Rehabilitación de Rianxo, vén de ser reelixido presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), que dende a súa creación, en 2016, levou a cabo numerosas actividades de información, concienciación e difusión.

Segundo a entidade, nas comarcas de Barbanza e Noia-Muros existen varios elementos patrimoniais danados, ameazados ou esquecidos. Na Pobra está o último Barrio dos Cataláns en pé que hai en Galicia, que foi o berce da industria conserveira traída desa rexión, e da que se perdeu unha boa parte. Este barrio completo foi catalogado no PXOM pobrense, “pero debería artellarse unha figura de restauración e posta en valor antes de que se veña abaixo”, di Fernández Coto.

“É importante por ser un conxunto arquitectónico único en Galicia, polo contido inmaterial que representa e polas potencialidades turísticas que pode acubillar”, explica.

En Boiro conseguiuse salvar a estrutura exterior do Pazo de Goiáns, e afortunadamente estase a reconstruír, “pero perdeuse todo o interior, que gardaba a autenticidade e mesmo obxectos de valor, por mor do abandono que sufriu durante varios anos, con espolios e deterioro dos materiais orixinais. Debe servirnos de exemplo a evitar”, comenta.

Xa en Mazaricos, o conxunto arquitectónico de Santa Baia de Chacín (igrexa e camposanto) atópase en completo abandono polo traslado do culto a un novo templo.

Na lista das xoias patrimoniais de Barbanza e Noia-Muros atópanse os tres hórreos máis longos do mundo. Son o de Araño (Rianxo) e os de Lira e Cabaseira (Carnota). Pero, ademais, en ditas comarcas están seis dos máis grandes do mundo, porque detrás do cuarto, que é o de Poio, e do quinto, que é o de Rossas (Portugal), están os de Isorna e Rianxiño (Rianxo) e o de Balbargos (Noia).

Todos eles miden máis de vinte metros, un selecto club no que só hai corenta hórreos en todo o mundo.

Pero tamén atesouran esas terras un dos centros históricos que conserva máis a súa autenticidade, o urbanismo e a arquitectura: o de Muros. En Ribeira as xoias son A Pedra das Cabras e a Anta de Axeitos (ou dolmen), que ademais están integradas na contorna. “O pazo renacentista que acolle o Museo Valle-Inclán é outro dos bens patrimoniais relevantes da zona. “No que a patrimonio natural se refire, o Monte Pindo é un conxunto escultórico sen competidores, esculpido pola natureza. Non quero esquecer os Castros de Baroña e Neixón, nin as pouco coñecidas laudas gremiais da igrexa noiesa de Santa María A Nova, nin o patrimonio arqueolóxico dos montes de Boiro”, dixo ó respecto.

Tamén considera importante aprobar plans especiais de protección e restauración dos núcleos de Corrubedo (Ribeira) e A Pobra, previstos xa nos respectivos plans urbanísticos dende a súa aprobación.

“Hai outros conxuntos que aínda hoxe moita xente non recoñece como patrimonio cultural, como as aldeas abandonadas de Xei (Noia), Galea Vella (Boiro) e a Aldea Esquecida ou Aldea Maldita de Abuín (Rianxo). As tres quedaron baleiras moi probablemente polo mesmo motivo (a peste). Fernández Coto propón catalogalas e poñelas en valor.