Seminario sobre o gótico mariñeiro no novo ciclo universitario en Ribeira

Universidade de Santiago
Suso Souto
Fachada da igrexa de San Martiño de Noia. Foto: Turismo.gal

RIBEIRA. O concello de Ribeira acollerá por quinta ocasión o seminario formativo da Universidade de Santiago Camiños de coñecemento e experiencia, que persegue a posta en valor e democratización do coñecemento a través da participación das persoas maiores de 50 anos fóra das cidades universitarias. As xornadas desenvolveranse do 3 ó 10 de maio polas tardes no centro cultural Lustres Rivas, e versarán sobre bioloxía e ecoloxía, o gótico mariñeiro e Rossini, Sterbini, Beumarchais e Il barbiere di Siviglia. Nesta edición, a formación presencial completarase cunha saída ó parque periurbano de San Roque para coñecer o método normalizado de recolección de vermes da terra, e outra ás igrexas de San Martiño e Santa María A Nova de Noia para coñecer in situ o gótico mariñeiro. O prazo de matrícula arranca este martes, ata o día 29. S. S.