Suspenden a ordenanza ribeirense que regulaba as terrazas permanentes

Terrazas
Suso Souto
PECHES. Terraza permanente dun local de Ribeira. Foto: S.S.

RIBEIRA. A Corporación de Ribeira aprobou no pleno celebrado este luns a suspensión da ordenanza que regula a instalación de terrrazas permanentes, tras recoñecer o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, que o regulamento “non deu os resultados que se esperaban”. A decisión adóptase para evitar o caos que se podería producir no caso de atenderse a “avalancha de solicitudes presentadas”, según dixo o mandatario, dado que o actual regulamento non contempla as características que se deben esixir para garantir que as terrazas con peches estables non se acaben convertendo en obstáculos en materia de accesibilidade. Trátase, en definitiva, de evitar que se produza “un desastre urbanístico”, como sinalou o rexedor. Crearase agora unha comisión, na que estarán representados todos os partidos políticos da Corporación, encargada de redactar unha nova normativa na que se concreten os lugares nos que se poderán autorizar este tipo de instalacións, así como as características que deberán ter e as condicións para a súa autorización. Ruiz plantexou a posibilidade de estudar a vía da concesión en vez da da licenza. Asimesmo, o pleno suspendeu a ordenanza que regula a ocupación da vía pública con rampas de acceso a edificios”. s. s.