Cos CEIP Caión de Laracha, Os Muíños de Muxía e O Grupo de Ribeira son xa 109 os centros educativos galegos adheridos ó programa da Xunta // Cada un vai recibir dous mil euros para poñelas en marcha e para formación TEXTO Suso Souto

Tres colexios de Área crearán nas bibliotecas emisoras radiofónicas

Educación
Suso Souto
RIBEIRA. Fachada co CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira, un dos beneficiarios das axudas. Foto: Suso Souto

A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de trinta centros educativos de toda Galicia ao programa Radio na Biblio. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

Coas novas incorporacións, en total participan nesta iniciativa este curso un total de 109 centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda a comunidade.

Os novos centros seleccionados recibirán dous mil euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso, contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición diversos recursos e propostas.

Así mesmo, os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renoven, recibirán unha asignación de cincocentos euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

No ámbito de Área de Compostela, os centros de nova incorporación son o CEIP de Caión da Laracha, o CEIP dos Muíños de Muxía e o CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica.

“Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios”, segundo sinalan ao respecto dende o citado departamento autonómico.

Neste sentido, a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia dos centros que xa están participando en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e os traballos que se realizan no centro.

ACTIVIDADES A DISTANCIA. Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa autonómico durante o período de cese de actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da pandemia da covid-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.

areadecompostela@elcorreogallego.es