Trinta maiores de Lousame pecharon cunha festa os talleres de memoria

persoas maiores
Suso Souto
celebración. Teresa Villaverde, á dereita, cas persoas maiores que participaron na clausura dos talleres. Foto: C.L.

Lousame. Unha trintena de maiores de Lousame participaron nunha animada festa de fin de curso dos obradoiros de memoria organizados este ano polo Concello.

A festa tivo lugar nas instalacións do Club de Xubilados de Aldeagrande e nela os participantes estiveron acompañados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo entregaron cadanseu diploma acreditativo ás persoas participantes nos obradoiros e instáronas a seguir participando nas distintas actividades para adultos que se organizan no municipio, así como a convidar aos seus veciños e veciñas a sumarse a elas, sobre todo despois dunha pandemia sanitaria que fixo que moitas persoas maiores continúen sen saír das súas casas.

Tras a merenda, o grupo O Son do Pote tocou algunhas pezas no exterior do club e non foron poucas as persoas que se animaron a botar unhas bailas, incluídas as recén chegadas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, as dúas voluntarias turcas que participan no Programa de Voluntariado Europeo e que comezaron a colaborar xa nas distintas actividades que desenvolve o Concello de Lousame.

A celebración ca que se puxo o broche de ouro ás clases dos obradoiros de memoria desenvolveuse nun ambiente de camaradería e compañeirismo, e os asistentes amosaron o seu desexo de que continúen este tipo de accións para os maiores. suso souto