Ubicarase no polígono de Espiñeira unha empresa que fabrica bolsas

Ocupará unha parcela de máis de dous mil setecentos metros cadrados de superficie
polígono
Suso Souto
Plano do novo polígono que se proxecta en Vista Alegre, con acceso dende a autovía. Foto: C.

Boiro. A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, adxudicou unha nova parcela de solo bonificado no parque empresarial de Espiñeira, en Boiro, co que o Goberno galego mantén o esforzo para facilitar a implantación de empresas nos solos urbanizado para tal fin.

A parcela adxudicada no mencionado parque industrial ten unha superficie de 2.716 metros cadrados e foi vendida a unha empresa que se dedica á fabricación de bolsas e material de embalaxe, por un importe de máis de 181.000 euros, despois de aplicar unha bonificación de preto de 75.000 euros.

As bonificacións aplicadas na venda de solo empresarial da Xunta de Galicia dende o ano 2015 superan os 64 millóns de euros, que supoñen un importante apoio público á creación de riqueza e emprego por parte das empresas asentadas en Galicia.

Cabe lembrar que o Concello ten un proxecto para construír un novo polígono na zona de Vista Alegre que pretende resolver o actual problema de espazo que hai no de Espiñeira. Ocuparía unha superficie de máis de 341.827 m2, dos cales 212.496 serían de uso industrial, 41.988 de zonas verdes e 20.698 para equipamentos. s. souto