Últimos días para poder participar no Entroido en igualdade de Lousame

Certame
María Cano
Imaxe do acto de presentación da iniciativa. Foto: Concello de Lousame

LOUSAME. Continúa aberto ata o día 7 de marzo o prazo para participar no Entroido en igualdade, unha proposta de ocio con valores impulsada polos departamentos de Cultura, Igualdade e Deportes do Concello de Lousame para festexar o Carnaval e conmemorar o Día Internacional da Muller. Trátase dun xogo no que os participantes deberán disfrazarse e buscar sete paneis con palabras chave sobre igualdade, dispostas en sete puntos de interese do municipio, para facerse unha fotografía nestes espazos. As instantáneas deben enviarse posteriormente ao enderezo igualdadelousame@gmail.com, detallando o nome e apelidos do participante e máis un teléfono de contacto. Os premios que se sortearán entre as persoas que envíen imaxes ascenden a un total de 1.850 euros que se distribuirán en vales para adquirir material deportivo. m. c.