Urxen á Xunta a dotar canto antes ao porto da Pobra de vestiarios

Portos agarda a que os consignatarios elixan unha das propostas e asuman o mantemento
Portos
Suso Souto
Estibadores descargando peixe no porto da Pobra. Foto: Suso Souto

A Pobra. A deputada do Partido Popular Elena Suárez demandou este venres no Parlamento de Galicia que a Xunta inicie de inmediato a execución do proxecto de novos vestiarios para o porto da Pobra, unha vez que os consignatarios se decidan por algunha das propostas formuladas desde Portos e acepten as condicións legais sobre esas melloras previstas.

No debate dunha proposición non de lei do PSOE, que foi rexeitada polos populares, Suárez manifestou que a súa solicitude “chega tarde, porque o pasado mes de setembro Portos xa trasladou aos consignatarios do porto pobrense as súas propostas para os novos vestiarios”.

Tras explicar que “hai alternativas encima da mesa”, explicou que “os consignatarios deben aceptar as súas condicións legais” e que “non se poden aprobar estas obras sen a aceptación de quen ten que asumilas ou sen o compromiso de facerse cargo das condicións de taxas e mantemento que se derivan delas”.

Pola súa banda, o deputado socialista Julio Torrado sinalou que o estado dos vestiarios actuais “é inasumible, indigno para calquera persoa traballadora” e que presentan “serios problemas de hixiene”. Así, subliñou que “non hai maneira de entrar sen avergoñarse”, xa que “os mobles non valerían nin para tirar ao lixo” e “hai suciedade por todos os espazos”.

Torrado criticou a “inacción” da Xunta ó respecto cando “hai necesidade, acordo e proxecto, pero o Goberno galego non quere poñer os cartos para executalo”. s. s.