Volta o teatro a Rianxo da man do grupo Airiños con ‘Cataturxia’

O novo espectáculo da compañía é unha obra de humor e poderase ver os días 25 e 26
Teatro
Suso Souto
Actores de Airiños nunha representación. Foto: Airiños

Rianxo. O teatro en vivo volta ó auditorio municipal de Rianxo da man da histórica compañía local Airiños. Será o vindeiro sábado 25 e o domingo 26, e o grupo realizará dúas funcións da súa nova obra, Cataturxia, unha selección de textos breves do teatro galego contemporáneo.

A entrada ten un custe de 3 € (a pagar no momento de acceder á función) e para reservala hai que enviar unha mensaxe ó email entradasairinhos@gmail.com (máximo seis entradas por persoa).

Cataturxia é un espectáculo humorístico composto por textos de Xosé Prieto, Avelina Pérez, Ana Carreira, Amantia Coello, Roi Vidal Ponte e Carlos Labraña.

Airiños é o grupo de teatro máis antigo de Galicia. Naceu en 1933 en Asados da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista do lugar, levando a escena A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. Mais a Guerra Civil pararía inevitablemente a actividade creativa que se retomaría nada máis comezar a ditadura, nos anos 40, grazas ao espírito loitador do grupo, que nunca renunciou a representar as súas obras en lingua galega.

Desa etapa cómpre salientar, por exemplo, que Airiños representou por vez primeira, en 1961, A fiestra valdeira, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio.

Coa chegada da democracia, a compañía por fin podería cumprir un grande soño: a representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. O grupo recibiu o premio da Cultura Galega das Artes Escénicas. s. souto