Volven as obras ó pavillón lousamián Barreiro Senra, esta vez de illamento térmico e acústico

Instalacións deportivas
Suso Souto
Obras no polideportivo Pilar Barreiro Senra de Lousame. Foto: C.L.

Lousame. O Concello de Lousame continuará este ano cas obras de mellora do pavillón municipal Pilar Barreiro Senra, que vén desenvolvendo dende 2019 e nas que leva investidos preto de 150.000 euros.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, explica que “vimos de adxudicar unha nova fase das obras. Se o ano pasado comezamos co revestimento dunha das paredes, nesta ocasión remataremos o pavillón por completo, xa que a nosa idea é ir mellorando no posible as nosas instalacións deportivas municipais”.

As obras consistirán en revestir o interior da instalación deportiva cun taboleiro de fibras de madeira de pineiro, despois de aplicarlle previamente dúas mans de esmalte de poliuretano e outras dúas de pintura plástica de cor branco. Esta actuación, unida ó cambio das portas interiores e á instalación dunha nova porta metálica cortalumes realizadas o pasado verán, permitirán garantir un mellor illamento térmico e acústico da instalación.

O Concello ten solicitadas na Xunta dúas pistas multideportivas, que se emprazarán no patio do CEIPP Cernadas de Castro e xunto ao campo vello de fútbol do Cruído. s. s.