Fai seis anos que un grupo de pais e nais da Costa da Morte se uniron para dar un paso adiante e poñer en marcha esta entidade // A idea é que os seus fillos se inclúan na sociedade tal e como son

A Asociación Aloumiños segue apostando pola inclusión de nenos e nenas que padecen algunha diversidade funcional

Inclusión
Lorena Rey
Teresa en terapia JKA Feldenkrais coa terapeuta Aimará Osío. Foto: Aloumiños

No 2014 nace Aloumiños, como voz dos nenos e nenas con necesidades específicas da Costa da Morte. A entidade confórmana un grupo de pais e nais que comezaron a coñecerse a través das consultas médicas. “A idea dende un principio era poder acercar terapias á zona de Bergantiños xa que a maioría tiñámonos que desprazar ata A Coruña”, detalla Claudia Bajo, presidenta da Asociación Aloumiños. O campo de actuación ten maior peso no municipio de Carballo, onde contan cun pequeno local.

En Aloumiños ofrecen terapias e alternativas para os socios e para o resto da sociedade co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas. A día de hoxe teñen 85 socios; familias que teñen nenos e adolescentes con algunha necesidade especial. “Nós centrámonos nos máis pequenos, ata os 16 anos, xa que despois hai outro tipo de asociacións que teñen capacidade para atender a xente xoven e xente maior”, explica Claudia.

MÚLTIPLES TERAPIAS. Contan con profesionais especialistas para a correcta atención dos máis pequenos. “Temos unha chica de Madrid que fai unha terapia alternativa de neuromovemento, JKA Feldenkrais. Ven unha vez ao mes e os socios fan un intensivo de tres ou catro días con dúas sesións diarias”, conta. Tamén teñen realizado hidroterapia,unha actividade terapéutica e lúdica que complementa o tratamento fisioterapéutico das persoas con diversidade funcional. Agora teñen pensado facer cursos de formación para axudar ás familias e profesores a ter instruccións que lle poidan axudar a mellorar a calidade de vida dos fillos ou dunha persoa cercana. Amaiores, a nivel cultural contan cun proxecto que se chama Inclusón, para acercar a cultura inclusiva a todo o mundo. “A idea de Aloumiños non é crear un entorno no que os nosos fillos se poidan sociabilizar con nenos similares senón que estean incluídos na sociedade e que se acepten tal e como son”, apunta a presidenta.

COLABORACIÓNS. Aloumiños recibe axudas da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo para certas actividades. Tamén teñen colaboracións cunha entidade bancaria e con algunha empresa dos arredores. “Oxalá nos axudaran máis xa que moitas veces non se poden organizar cousas por falta de recursos”, di. Neste sentido, están pendentes de realizar un programa de axuda domiciliaria e de conciliación. “Para iso precisamos persoal especializado e recursos para que o socio só teña que aportar unha parte económica ínfima”, afirma.