A devoción aos Milagres de Caión pode coas restricións fronte ao covid-19

A localidade larachesa reuniu a un considerable número de romeiros, iso si, con estrictas normas de seguridade na igrexa e na súa contorna
Romaría
Lorena Rey
Maribel Castiñeira Varela, o pasado xoves, esperando para entrar na misa das 20 horas.

Os caioneses recordarán o día grande de Os Milagres: sin misas no santuario, sen saída en procesión, esperar turno para escoitar as ofrendas... O 8 de setembro de este 2020 viviuse de forma particular, cos oficios no templo parroquial e con límite de aforo ao 50% (80 persoas). Desta maneira, formouse unha fila de devotos e romerios que dende primeira hora da mañá agardaban o seu turno para entrar a visitar a imaxe. Por fe, por unha promesa ou para seguir o relevo xeracional, numerosas peregrinacións chegaron a Caión na semana do 6 ao 13.

“É unha festa que se está esperando todo o ano. Nun principio a subida da Virxe á ermida íase facer en coche e as misas tamén se farían arriba ao aire libre cun aforo limitado e con toda a xente sentada. Despois, A Laracha fixo máis restricións e xa non permitiron sacar a imaxe da igrexa”, explicou Maribel Castiñeira Varela, veciña de Xermaña, lugar da parroquia de Caión. Isto foi o cambio máis relevante da romaxe, xa que cada ano centos de persoas van en procesión na subida da imaxe ao santuario.

Nos Milagres de Caión, a Virxe sobe o domingo antes do día 8 de setembro e baixa o domingo despois desa data. “Ven sendo unha semana, excepto que o día 8 sexa domingo que pasaría a botaría a estar alí quince días”, aclarou Maribel.

Ela fixo a peregrinación o primeiro domingo dende Carballo. “Pensaba que ía ir moita xente pero finalmente atopámonos con moi pouca”, afirmou.

COLAS PARA ENTRAR NA IGREXA. Para entrar na igrexa houbo que facer fileiras con distancia e para iso a Policía ou Protección Civil estivo pendente de que a xente non se amontonara. “Dependendo da hora e do día houbo máis cola que outros. Eu vou sempre á novena das 20.00 horas que é a última misa. Onte (polo martes día 8) había moita xente xa que era o propio día dos Milagres. Hoxe (o mércores pasado) xa poidemos entrar sen problema e había espazo para as 80 persoas”, rememorou.

O día grande, o cura viuse na obriga de facer máis misas. “Estaba previsto facer unha cada hora e tivo que facer unha cada media hora para que poidera acceder máis xente”, destacou.

A maioría dos que se acercaron ao lugar foron persoas maiores. Tamén houbo diversos grupos de xóvenes que por norma xeral fan a peregrinación pero non acoden á igrexa.

No mes de abril faleceu o sacerdote de Caión de toda a vida, D.Luis Pastoriza Abelenda. “Agora temos un cura novo, don Andrés Trinquete, e a verdade é que tiña todo moi ben organizado. “Estaba preocupado porque se non facía nada íano criticar e se facía algo a medias tamén o ían cuestionar”, dixo.

DESEXO DE VER A VIRXE NA ERMIDA.Foi unha romaría atípica como outras moitas que se están a festexar. “A xente o que desexaría era poder subir a Virxe e celebralo na ermida como se fixo toda a vida. Estamos un pouco baixos de moral pero ao mesmo tempo, os que somos de aquí vivímolo dunha maneira un pouco máis recollida”, contou.

Os Milagres de Caión non deixan de ser unha das romarías máis recoñecidas na comunidade galega. Así, xente dos concellos limítrofes de Laracha e doutros municipios máis afastados decidiron acercarse estos días á costa larachesa. Como son tantas misas ao día, encargáronse de oficialas varios curas. “O luns veu o párraco de San Andrés de Teixido. Era a primeira vez que viña e quedou moi impresionado”, declarou.

A fin de contas, o coronavirus non impediu na súa totalidade a celebración. “A devoción vai por outro lado, con ir á igrexa xa saio reconfortada”, aclarou. Tanto Maribel como os veciños de Caión esperan que o próximo ano estas datas tan especiais se poidan celebrar como sempre.

Cola de personas esperando entrar á igrexa parroquial de Caión e celebración dunha misa. Video: Royal de Caión

Recordo da subida da Virxe dos Milagres no 2017. Video: Royal de Caión