A Laracha acondiciona e equipa o novo centro comunitario de Caión

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Fachada do Centro Comunitario Costa da Morte, de Caión. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. O Concello anuncia que en breve os veciños de Caión poderán desfrutar do Centro Comunitario Costa da Morte. Actualmente están executando as obras da marquesiña, como elemento de resgardo no acceso á edificación de recente creación, incluíndo ademais o acondiciomento do espazo exterior xunto a unha das entradas. Este ámbito está moi exposto á choiva e ao vento, polo que o Concello proxectou esta solución para aumentar o confort das persoas que acudan ao centro. A marquesiña quedará integrada no edificio, dándolle continuidade ao estar realizada coa mesma tipoloxía formal e material.

O novo elemento será de baixa altura para evitar que tape a entrada da luz natural e as vistas ao mar no primeiro andar do inmoble. Polos lados expostos ao mar terá un peche con carpintería e vidro, contemplando a opción de recollerse por un lateral durante o horario de apertura.

O proxecto tamén contempla a creación dun percorrido adaptado polo exterior do edificio poder acceder a esta zona desde a beirarrúa. A actuación suporá un investimento próximo aos 48.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.

O centro comunitario Costa da Morte será unha instalación de referencia en Caión e reforzará a cobertura en infraestruturas públicas da vila, abrindo novas posibilidades para ofrecer servizos, programas e iniciativas de interese xeral. O deseño do singular edificio está vinculado á historia de Caión ao presentar unha forma exterior curva que recorda ao lombo das baleas, especie que se cazou no porto durante os séculos XVI e XVII. O inmoble será plenamente multidisciplinar ao contar con oficinas administrativas –a unha delas serán trasladadas as dependencias da Confraría de Pescadores-, aulas polivalentes, auditorio e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados. O proxecto tivo un orzamento de 1,2 millóns de euros.

Ademais, o Concello investiu outros 35.000 euros en amoblar todas as estancias e na dotación do equipamento audiovisual do auditorio.