A Laracha contratará dez persoas para as brigadas municipais contra incendios

Servizos municipais
Manuel Lavandeira
Casa do Concello da Laracha. Foto: C. L.

O Concello larachés continúa avanzando no procedemento de selección das persoas que formarán as dúas brigadas municipais de prevención, vixilancia e defensa contra incendios que estarán operativas durante un período de tres meses coincidindo coa época estival. Cada unha das cuadrillas estará formada por un xefe de brigada, un peón-condutor e tres peóns de brigada.

Unha vez rematado o prazo para solicitar a participación no procedemento selectivo, son un total de corenta e catro persoas as inscritas. Nos próximos días publicaranse na web do Concello as listaxes provisionais de admitidos e excluídos. O sistema selectivo será o concurso oposición libre, cun procedemento áxil que respectará os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, obxectividade, eficacia, eficiencia e axilidade.

A fase de concurso consistirá na valoración da experiencia profesional e a formación de cada aspirante. A fase de oposición consta dun exercicio de aptitudes físicas, un exame teórico tipo test e, de ser o caso, a proba de coñecemento da lingua galega se non se acredita o seu coñecemento. Ademais das dez persoas que serán contratadas, tamén se formará unha bolsa de reserva para cubrir posibles baixas.